Thursday 09 de May de 2024

“Pinta pasado, crea futuro” no Concello de Fene


A Casa da Cultura de Fene acolle ao longo do mes de xullo o ciclo “Pinta Pasado. Crea Futuro”, organizado pola Concellería de Xuventude, coa colaboración do profesor da Universidade de Montana (EEUU), John Thomson, e o laboratorio de creación artística Laudas Calamity.

“Pinta pasado. Crea futuro” é un “proxecto innovador que combina arte e historia” e no que se fai “unha viaxe ao pasado da Segunda República e da ditadura franquista”.

O ciclo está a contar coa participación como poñentes do neto de Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, do presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Fernando Souto, do profesor e escritor galego Xosé Manuel Sarille, da profesora de Historia Blanca Castro, do escritor e xornalista Cristobal Ruitiño e do sindicalista Suso Díaz. Tamén está previsto que falen as veciñas de Fene Olimpia Barcia Fernández, Ana Santiago López e María Belia López Pérez.

Os relatorios complementaranse coa proxección das películas “A lingua das bolboretas” e “La voz dormida” e co pintado, durante a segunda quincena do mes de xullo, dun mural arredor da memoria histórica.